Buscar este blog

miércoles, 29 de enero de 2014

Eu tiña un blog. En realidade aínda o teño. Bueno, iso de ter non é exacto, posto que algo que está en internet non se posúe realmente na súa totalidade. É como ter un can, en certo modo. Porque o can non é realmente teu. É unha existencia libre. Aínda que para certas cousas dependa de ti.

O caso é que escribía, ás veces. Si, ás veces escribía. Non sei ben para que, para quen; por que, por quen. Normalmente escríbese (ou débese escribir) porque a un lle gusta ou o necesita, non? Pero o que se necesita tamén é ser lido, escoitado a través das palabras escritas. Se non, por que se escribe coa intención de publicar ou se escribe publicamente? Porque se podería escribir e, despois, agochalo escrito. Pero, entón, que sentido tería?

Hai quen non sabe para que serve ler (e, polo tanto, escribir). Os escritores escriben para pasalo ben? Talvez si. Non: seguramente si. Pero tamén por outros motivos máis profundos, con máis significado que o que se adoita ver superficialmente.

Un debería ser valente e afrontar o que escribe, sen medo. E aportar. Iso é o que se espera, finalmente. E, se se fai ben, ao final sempre se consegue.